marismaProxecto MARISMA

ESTUDO DE POTENCIACIÓN TURÍSTICA NA ENSEADA DE SAN SIMÓN

Presentamos nesta web, unha parte dos resultados dos traballos de Estudo de Potenciación Turística na Enseada de San Simón, desenvolvido entre os meses de xullo e novembro de 2010; en concreto a parte correspondente ao Estudo sobre o patrimonio turístico da enseada, que consistiu, principalmente, na creación dunha base de datos co patrimonio tanto natural como cultural que podemos atopar na costa da Enseada de San Simón.

O Estudo de Potenciación Turística da Enseada de San Simón concíbese inicialmente como unha actuación dentro do apartado de promoción económica do proxecto marco denominado MARISMA (Mellora Ambiental e Rexeneración Integral da Marisma, Redondela, Pontevedra). Por medio do cal o Concello redondelán, con axuda de fondos europeos FEDER, promove unha actuación global na desembocadura dos ríos Alvedosa, Pexegueiro e Maceiras, moi preto do casco urbano de Redondela, orientada para recuperar o antigo humidal, tanto dende o punto de vista ambiental como dende o económico e o social. Co obxectivo final de poñer á disposición da cidadanía un lugar de esparexemento saudable e dotado de renovados e diversos servizos.

Presentamos o resultado do estudo en forma de fichas; a intención non foi só a de realizar unha listaxe dos elementos do patrimonio cultural ou das diversas especies naturais presentes, senón crear un catálogo accesible, que poña de manifesto a grande riqueza que ten a Enseada dende os puntos de vista cultural e natural, para crear unha ferramenta de xestión e reclamo de cara a un turismo máis ligado á cultura e aos valores naturais, que poda manterse ao longo de todo o ano.

Cada un dos elementos foi visitado e avaliado in situ, sendo vocación do estudo a realización dun catálogo completamente actualizado e non un mero envorcado da documentación existente

 

O obxectivo do traballo aquí planeado, consistirá en avaliar o Patrimonio e os Recursos Turísticos potenciais acochados na Enseada de San Simón, propoñendo unha serie de accións que contribúan á diversificación do produto turístico desta área xeográfica.
Preténdese a elaboración dunha análise do patrimonio turístico da Enseada, considerándoo como a materia prima fundamental a partir da cal poderán ser creadas estratexias para a súa planificación e explotación.

 

 

ico Obxectivos do estudo

 

1. Creación dunha Base de Datos exhaustiva que incorpore tantos os servizos turísticos actuais coma os recursos turísticos que conforman o potencial da enseada.

2. Redacción dun proxecto de promoción turística, que poña en valor os recursos culturais e naturais existentes e recuperados dentro do Proxecto Marisma.

3. Estudo das posibilidades de rehabilitar a canle da marisma para a súa navegación, permitindo a comunicación de Redondela coa Enseada a través do
transporte marítimo.

4. Redacción dun programa sobre a posibilidade de incorporar rutas en barco pola Enseada, visitando a illa así como outros puntos de interese.

5. Proposta de posta en valor do Patrimonio Turístico da Enseada, mediante o deseño e a colocación de especifica para este traballo así como da difusión
súa a través de diferentes medios.

6. Difusión e publicitación do traballo.

 

 

ico Ambito xeográfico

localizacionO espazo onde se desenvolveu o traballo foi a Enseada de San Simón. Este pequeno espazo mariño baña diferentes concellos das Rías Baixas: Redondela, Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa; a maiores propúxose que se incluíse unha pequena parte do concello de Moaña, na parroquia de Domaio, polo interese estratéxico de que unha ruta en barco e/ou rutas terrestres pola Enseada se achegase ata a Ponte de Rande.

 

O proxecto que nos atinxe tivo unha vocación principalmente redondelá, xa que a explotación destes recursos realizarase e canalizarase dende o Concello de Redondela, principal foco xeográfico (valorándose a posibilidade de colaboración cos outros concellos ou entidades que traballan na Enseada de cara a obter novas fontes de financiación para a explotación dos recursos).

 

 

Toda a historia da Enseada está colmada de feitos históricos e artísticos de relevancia, entre os que hai que destacar á Illa de San Simón, situada ao pé da praia de Cesantes; aínda que non son menos destacados os feitos asociados á batalla de Rande; ou a historia da Fábrica do Alemán, “Conservas Boyé”, que recibe o seu nome de Otto Gerdtzen Boyé, quen a mercou nos anos corenta do século pasado, e que estaría implicada tamén en feitos de transcendencia internacional asociados, esta vez, coa IIª guerra mundial.

A historia antiga e moderna deste entorno xeográfico, sumada á chegada da época contemporánea, coa proliferación de empresas e a industrialización, creou unha verdadeira “Paisaxe Cultural”, entendendo por esta o froito das transformacións provocadas polas persoas que habitan na zona e a propia industrialización. Esta singularidade xeográfica da Enseada faina exemplarizante do modelo económico e cultural das Rías Baixas galegas.

Por se todo isto non fora suficiente, o fito paisaxístico que representa a Enseada está ademais fornecido pola existencia dun ecosistema natural de excepcional valor, incluído dentro da declaración de Rede de Natura 2.000, polas súas características naturais. A Enseada representa para a cidadanía redondelá e do resto dos municipios que baña, un recurso económico de primeira orde; sen contar aínda coas posibilidades do seu desenvolvemento turístico.

 

 


marisma
Proxecto Marisma
ue
Fondo Europeo de Desenrolo Rexional
redondela
Concello de Redondela
acitania
A CITANIA
Arqueoloxía e Xestión do patrimonio